luns, 1 de maio de 2017

101 Peregrinos, Ponferrada

Esta pasada fin de semana tocou viaxar a Ponferrada para disfrutar da 101 Peregrinos. Cóntanos a experiencia o 73º clasificado na súa categoría: o bicioso Pablo De Diego. Gracias e parabéns, Pablo!


CRÓNICA DA RUTA 101 PEREGRINOS 2017

Esta vez non nos pasou como o ano pasado, que quedamos sen praza para os 101 Peregrinos. O día que abriron o prazo, ás 00:20 horas, xa estabamos apuntados os catro biciosos de Oza-Cesuras BTT, Alex, Suso, Rubén e máis eu.

Venres 28: chegamos a Ponferrada, e cando estamos aparcando para recoller os dorsais, encontramos aos compañeiros do Club Montaevai o Pino, cos que intercambiamos saúdos e desexos de sorte na ruta.

Chegamos ao Hotel “Conde de Lemos” e xusto diante vemos que hai un palco da música, Ponferrada en festas! Moito non imos durmir.

Avituallamos abundantemente no restaurante Ancla, hai moito bicioso por aquí, e moitos falan galego.

O sábado, 29 de abril de 2017, esperábanos a esixente ruta 101 Peregrinos, de 102 km e 3721 m de subida acumulada polos camiños do Bierzo, cun recorrido que pasa polos concellos de Priaranza del Bierzo, Borrenes, Carucedo e Puente de Domingo Flórez.

Esta "andaina" transcorre en gran parte polo “Camiño de Santiago de Inverno”. Este camiño usábase en inverno porque o tramo do Bierzo do Camiño Francés, cando chovía moito, obrigaba aos peregrinos a atravesar ríos con moita auga e malas pontes.

Coas máquinas engrasadas e os dorsais no noso poder diriximonos á liña de saída, facéndonos un oco entre a masa ciclista. A saída está prevista para as 8.30 e está organizada por caixóns para evitar embotellamentos xa que estamos 2100 ciclistas con ansias de monte.

A esta hora vai frío, non ameaza con chover pero está claro que ao correr o día pasaremos calor.

O obxectivo noso (polo menos o dos veteranos) é disfrutar da ruta “a contos e risas” comer nos avituallamentos o que se tercie, (disque hai xabarín) e acabala con dignidade a ritmo “motor diésel”.

8:30, alá vamos coa música de fondo de Axel Rose a todo volumen, con nervios e ilusión polo primeiro tramo urbano neutralizado, e con ganas de meternos no monte.

Empezamos coas subidas e baixadas que se suceden, os camiños están moi secos e poeirentos, e levántanse nubes que obrigan a baixar case a cegas por algúns tramos. Atravesamos impresionantes soutos de castiñeiros e campos de viñas castigadas pola xeada.

Chegamos ao pueblo de Toral de Merayo, pasamos Santalla del Bierzo, Borrenes e a zona de Carucedo, seguimos subindo e baixando hasta que chegamos a Las Médulas no kilómetro 32, disfrutando dunha paisaxe impresionante mentres damos pedal e comentamos as xogadas.

Os avituallamentos son abundantes (un cada 8 Km) e son atendidos por moitos voluntarios, colaboradores, e polo Exército, que dispón de grandes tendas de campaña e vehiculos de apoio.
Sirven auga, bebidas isotónicas, e canto máis nos achegamos ao final da ruta empeza a haber chourizo, patacas con xabarin, ovos cocidos, etc.

Entramos na vila de Puente de Domingo Flórez, (km.43) e iniciamos a subida a San Pedro de Trones, subida nada “jraciosa”, na que imos silbando “verano azul”.

Chegamos a Yeres, aldea na que hai un punto de control que anuncia automáticamente o dorsal do corredor e nalgúns casos fai comentarios chistosos. “Dorsal 51 ,el rey de la 101”, “805 por el c. te la hinco” etc. Aquí nos comenta un paisano que nos queda un “repechín”, referíase ao cortalumes vertical de Yeres, zona de obrigado “bike pushing”.

A ascensión ao Campo da Braña (km 58) é interminable e vense ao lonxe ringleiras de ciclistas como formiguiñas alá nas montañas. Afrontamos a subida a ritmo “sin prisa pero sen pausa”, agás Álex, que se despega do grupo e afronta o resto da andaina en solitario.

Máis adiante un cartel dános a elixir entre baixada “vruta” e “baixada normal”e sabendo como as gastan por aquí, Suso, Rubén e mais eu escollemos “normal”. Alex contaríanos despois que era para matarse, ou sexa baixada vruta, xa que el si baixou por aí "porque non vin a outra". Despois de pasar por Orellán, La Chana e Villavieja baixamos ao Castelo de Cornatel onde nos anima un grupo de “Templarios” vestidos con túnicas blancas.

Chegamos á vila de Villalibre de la Jurisdicción, no kilómetro 74, que, según nos contan, é a vila das tres mentiras: “ni es villa, ni es libre ni tiene jurisdicción”. As rapazas do avituallamento bérrannos: “parar a tomar una caña!!!!!” e os tres veteranos facémoslle caso e tomamos unha estrella e unha tapa de xamón.

Os ultimos tramos bordean o río Sil, unha voluntaria bérranos “los he visto más limpios” e chegamos a ansiada meta os tres veteranos xuntos ás 18.30 horas despois de 10 horas de bici de montaña. Álex xa estaba duchado e nos recibe na meta do Toralín.

Valeu a pena, para o ano repetimos.

Un saúdo, compañeiros!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos a túa consulta ou comentario. Tentaremos contestala o máis axiña posible.