mércores, 21 de maio de 2014

Acabouse


Para os participantes xa rematou a II Edición da BTT Oza Cesuras. Para a organización quedan por facer algunhas cousas, como recoller sinalización, enviar agasallos a algúns premiados e, como non, volver agradecerlle ós nosos patrocinadores (os da columna da dereita), colaboradores e voluntarios o seu apoio.

Tamén queremos agradecervos a vós o respeto polo entorno. Nos primeiros traballos (e saídas en bici, claro) polo monte do Gato non atopamos case nada de lixo despois da ruta. Costa crer que o pasado domingo pasastes 300 ciclistas por eses sendeiros e pistas e case non deixastes rastro. Un dez para vós.

Tedes colgados na nosa páxina do facebook varios álbumes de fotos feitas por David Maroño e Roberto Fontenla. Esperamos que vos gusten.

sábado, 17 de maio de 2014

¿Preparados?



¿Preparados? Nós xa case estamos a punto. Ruta ben sinalizada, camiños limpos (non todos, jijiji), avituallamentos preparados, agasallos para os participantes dobradiños, dorsais adxudicados, pinchos feitos para a chegada, material para o sorteo entregado polos nosos patrocinadores que vedes na columna do lado e ós que se suma Ciclos Quintena...

A II edición da Ruta BTT Oza Cesuras arranca mañá ás 9:30 da mañá, pero dende unha hora antes aproximadamente, poderedes recoller os vosos dorsais. O Pavillón de Deportes de Oza dos Ríos, dende o que saímos e no que teredes duchas e asistencia mecánica, está situado no Lugar de Loureiro, moi pertiño do "centro urbán"; é ben doado de atopar e ademais hai sinalización dende as dúas entradas principais de Oza dos Ríos na AC640 e dende as saídas da autovía A6 no kilómetro 565 (Oza dos Ríos / Curtis).

Avisámosvos de que por motivos de loxística nos vemos obrigados a poñer o avituallamento da ruta longa no kilómetro 16, dous antes do que tiñamos pensado. E que debedes ter cuidado nun pequeno tramo do alto do Monte do Gato (os da ruta longa) porque non dimos aberto un camiño que pensabamos e hai un tramo corto de 50 metros con doble sentido de circulación, pero ben sinalizado.

En todo caso, parece que o bo tempo vai acompañarnos e esperamos que mañá sexa para todos unha xornada ben divertida de bicicleta. Disculpade os nosos erros (pero facédenolos saber para non repetilos), e... ¡ENBÍCIATE!
 
 ¡Ata mañá, xente!

xoves, 15 de maio de 2014

Consideracións de última hora



Ola:

Se fixestes o pago pero non aparecedes na lista de inscritos, non vos preocupedes. A nós tárdanos un par de días en figurar o ingreso. Por se acaso, traédenos o domingo o xustificante de pago e enviádenos unha mensaxe confirmando que ides vir. E desculpade as molestias.

O mesmo (que nos traiades o xustificante)  vos pedimos ós que fixestes o pago a última hora, por se non dá tempo a que aparezades no noso informe de banca electrónica.


Aqueles que xa fixestes o ingreso pero non enchestes o formulario, por favor, facédeo. É por ter unha estimación do avituallamiento e das tallas de camisetas.

Tamén hai quen pregunta se pode facerse a inscrición o mesmo día. Pero aí temos o problema do seguro. Pronto vos confirmaremos se existe esa posibilidade ou non.

¡Saúdos e ata o domingo!

martes, 13 de maio de 2014

Camisetas para todos e todas

Estamos de acordo. Se ampliades a imaxe non se ve moi alá. Pero isto é o que podemos deixar ver dos deseños da camiseta que imos regalar este ano ós participantes na Ruta BTT Oza Cesuras.

Xa sabedes, tedes 25 horas e 24 minutos para apuntarvos, conseguir unha, coñecer o Monte do Gato e algúns sendeiros do Mandeo, visitar Oza, Cis, Cos, Cuíña, O Vinte e Cesuras, pasear pola Feira de Segunda Man, Troco e Artesanía...

¿De verdade que volo ides perder?

luns, 12 de maio de 2014

Peche do prazo de inscrición e melloras para apuntar

O vindeiro mércores 14 de maio (pasado mañá), péchase o prazo de inscrición para a II edición da Ruta BTT Oza Cesuras.

De momento non parece que vaiamos chegar ós 500 participantes que puxemos como máximo, pero pregámosvos que formalicedes a vosa inscrición e fagades o ingreso antes dese día porque, ó ser as festas de San Isidro en Oza dos Ríos o 15 e 16, imos ter complicado comprobar novos ingresos na nosa conta metidos nesas datas.

Para o ano prometemos, se o humor e os ánimos nos dán para repetir organización, mellorar algúns aspectos da ruta: permitir o pago con tarxeta e con paypal, tentar engadir novos aspectos ós traxectos (non vaiades pensar que non temos ideas), organizar unha ruta de sendeirismo para os acompañantes, montar un posto ciclista na feira de segunda man que se celebra o mesmo día...

Tamén queremos que nos digades aquelas cousas que se vos vaian ocorrendo para mellorar; e válenos que nolo digades antes ou despois deste domingo ciclista, porque seguro que entre todos facemos que o ano que vén a ruta sexa mellor.

Non queremos deixar de agradecer o apoio, sen o que sería imposible organizar este evento, a tódolos patrocinadores que aparecen na columna do lado. E, por suposto, a todos vós, que participades na ruta como ciclistas, voluntarios, colaboradores ou amigos.

Pero recordade: ós que queirades disfrutar dun domingo ciclista e montañeiro polos sendeiros do Mandeo e o Monte do Gato, pregámosvos que adiantedes un pouco as vosas inscricións.


¡Saúdos e bici-o!

xoves, 8 de maio de 2014

Menú especial na Parrillada Terranova

Con motivo da II Ruta BTT Oza Cesuras, a parrillada Terranova en A Regueira, Oza dos Ríos, ofrece este menú por 9,95€:

- ensalada de pasta
- criollo
- costela de porco
- patacas fritidas
- xeado
- bebida, pan e café de pota

Xa podedes reservar no 981792453.

luns, 5 de maio de 2014

Patrocinadores da II BTT Oza Cesuras 2014



Estes son os patrocinadores da II Ruta BTT Oza Cesuras.

Aínda estamos buscando novas colaboracións, pero queremos agradecer o apoio de todas as empresas, agrupacións e institucións que aparecen na imaxe, porque en maior ou menor medida fan posible que podamos celebrar esta segunda edición.

¡Moitas gracias!

martes, 29 de abril de 2014

Cartel da II BTT Oza Cesuras


Aquí podedes ver o cartel da II BTT Oza Cesuras. Pregámosvos que nos axudedes a darlle a máxima difusión posible.

domingo, 27 de abril de 2014

Proxecto da II Ruta BTT Oza Cesuras (versión curta)


Esta é a ruta curta para este ano.

Poderá haber algunha variación, para eliminar algún tramo de camiño enlamado de máis ou engadir algúns camiños novos. Con respecto ó pasado ano, eliminamos algún tramo imposible, e cambiamos unha rampa dura en asfalto por outra que nos leva a un fermoso sendeiro arredor de Bailouro.

Cremos que, con algún amaño na subida, que está bastante desfeita e con pedra solta e a limpeza dun sendeiro nun novo tramo, poderemos ofrecervos unha ruta 100% ciclable.

Por se vos interesa, aquí podedes acceder ó análise IBP da ruta, que dá un índice de 85.

Esperamos que vos guste.

venres, 25 de abril de 2014

Proxecto da II Ruta BTT Oza Cesuras, versión longa.



Aquí tedes o noso proxecto de ruta longa para este ano. Poderá haber algunha variación, para eliminar un cruce ou algún tramo de camiño moi enlamado a día de hoxe, pero non moitas.

Eliminamos algún tramo imposible da pasada edición, atopamos algún descenso entre toxos por sendeiros, e un paseo polo alto do Gato ata o Petón, o punto máis alto do monte, nos Penedos do Valló, desde o que hai impresionantes vistas; e cambiamos unha rampa dura en asfalto por outra que nos leva a un fermoso tramo arredor de Bailouro.

Por se vos interesa, este é o análise IBP da ruta, que dá un índice de 120.

Cremos que deseñamos unha ruta 100% ciclable. Esperamos que vos guste.

luns, 7 de abril de 2014

Información de pagamento


O custo da participación na II Ruta BTT Oza-Cesuras é de 10€. A data definitiva de celebración é o 18 de maio, con saída ás 9.30 do Pavillón de Deportes de Oza dos Ríos, e recollida previa de dorsais a partir das 8.30. Podedes consultar aquí o regulamento completo.

O pago da inscripción debe facerse efectivo na conta do Banco Santander ES85 0049 6637 7222 9001 9613

Podedes facer a preinscrición dende este enlace ou enviándonos un correo electrónico. Se preferides directamente facer o pagamento, poñede o voso nome completo ou D.N.I. no "concepto" para poder verificar o pago coa lista de inscritos. Nos casos de inscrición de múltiples participantes nun único pagamento, por favor facédenos chegar nun correo a hora, data e importe da transferencia ou ingreso e os nomes de todos os participantes dos que se fai a inscrición no citado ingreso.

¡Esperámosvos!

sábado, 5 de abril de 2014

II Ruta BTT Oza-Cesuras en preparación

Cartel provisional da  2ª edición

Estamos preparando xa a II Ruta BTT Oza Cesuras, coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras e de algúns patrocinadores como Centro Canino Montegatto, Escuela Hípica Villa de Algara e outros que xa apoiaron a celebración da proba na súa primeira edición e que iremos confirmando en vindeiras datas. E, por suposto, contaremos co apoio dos voluntarios que fixeron posible o éxito da primeira edición.

Nesta segunda edición, aparte da nova denominación, haberá algunhas variacións nos dous percorridos, corto (25 kms. aprox.) e longo (41 km. aprox.), pero volveremos dar pedales polos Sendeiros do Mandeo e polo Monte do Gato.

A inscrición poderá formalizarse no mesmo número de conta que o pasado ano, cun importe aínda por confirmar. Pedímosvos, a aqueles que facedes o pagamento de varios participantes nunha mesma operación bancaria, que nos fagades chegar o nome completo de todos eles nun correo electrónico.

A partir do día 11 de abril de 2014 poderedes inscribirvos para a proba, que se celebrará case con total seguridade o día 18 de maio de 2014.

¡Esperamos a vosa asistencia!