martes, 29 de abril de 2014

Cartel da II BTT Oza Cesuras


Aquí podedes ver o cartel da II BTT Oza Cesuras. Pregámosvos que nos axudedes a darlle a máxima difusión posible.

domingo, 27 de abril de 2014

Proxecto da II Ruta BTT Oza Cesuras (versión curta)


Esta é a ruta curta para este ano.

Poderá haber algunha variación, para eliminar algún tramo de camiño enlamado de máis ou engadir algúns camiños novos. Con respecto ó pasado ano, eliminamos algún tramo imposible, e cambiamos unha rampa dura en asfalto por outra que nos leva a un fermoso sendeiro arredor de Bailouro.

Cremos que, con algún amaño na subida, que está bastante desfeita e con pedra solta e a limpeza dun sendeiro nun novo tramo, poderemos ofrecervos unha ruta 100% ciclable.

Por se vos interesa, aquí podedes acceder ó análise IBP da ruta, que dá un índice de 85.

Esperamos que vos guste.

venres, 25 de abril de 2014

Proxecto da II Ruta BTT Oza Cesuras, versión longa.



Aquí tedes o noso proxecto de ruta longa para este ano. Poderá haber algunha variación, para eliminar un cruce ou algún tramo de camiño moi enlamado a día de hoxe, pero non moitas.

Eliminamos algún tramo imposible da pasada edición, atopamos algún descenso entre toxos por sendeiros, e un paseo polo alto do Gato ata o Petón, o punto máis alto do monte, nos Penedos do Valló, desde o que hai impresionantes vistas; e cambiamos unha rampa dura en asfalto por outra que nos leva a un fermoso tramo arredor de Bailouro.

Por se vos interesa, este é o análise IBP da ruta, que dá un índice de 120.

Cremos que deseñamos unha ruta 100% ciclable. Esperamos que vos guste.

luns, 7 de abril de 2014

Información de pagamento


O custo da participación na II Ruta BTT Oza-Cesuras é de 10€. A data definitiva de celebración é o 18 de maio, con saída ás 9.30 do Pavillón de Deportes de Oza dos Ríos, e recollida previa de dorsais a partir das 8.30. Podedes consultar aquí o regulamento completo.

O pago da inscripción debe facerse efectivo na conta do Banco Santander ES85 0049 6637 7222 9001 9613

Podedes facer a preinscrición dende este enlace ou enviándonos un correo electrónico. Se preferides directamente facer o pagamento, poñede o voso nome completo ou D.N.I. no "concepto" para poder verificar o pago coa lista de inscritos. Nos casos de inscrición de múltiples participantes nun único pagamento, por favor facédenos chegar nun correo a hora, data e importe da transferencia ou ingreso e os nomes de todos os participantes dos que se fai a inscrición no citado ingreso.

¡Esperámosvos!

sábado, 5 de abril de 2014

II Ruta BTT Oza-Cesuras en preparación

Cartel provisional da  2ª edición

Estamos preparando xa a II Ruta BTT Oza Cesuras, coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras e de algúns patrocinadores como Centro Canino Montegatto, Escuela Hípica Villa de Algara e outros que xa apoiaron a celebración da proba na súa primeira edición e que iremos confirmando en vindeiras datas. E, por suposto, contaremos co apoio dos voluntarios que fixeron posible o éxito da primeira edición.

Nesta segunda edición, aparte da nova denominación, haberá algunhas variacións nos dous percorridos, corto (25 kms. aprox.) e longo (41 km. aprox.), pero volveremos dar pedales polos Sendeiros do Mandeo e polo Monte do Gato.

A inscrición poderá formalizarse no mesmo número de conta que o pasado ano, cun importe aínda por confirmar. Pedímosvos, a aqueles que facedes o pagamento de varios participantes nunha mesma operación bancaria, que nos fagades chegar o nome completo de todos eles nun correo electrónico.

A partir do día 11 de abril de 2014 poderedes inscribirvos para a proba, que se celebrará case con total seguridade o día 18 de maio de 2014.

¡Esperamos a vosa asistencia!