luns, 14 de setembro de 2015

Ruta BTT Río Tambre Brión


Onte e antonte, varios dos compoñentes da BTT Oza Cesuras foron ata Brión para participar nos tres eventos organizados pola asociación O Esquío no Piñeiro.

O sábado, Alex Trujillo representounos na crono rematando en undécima posición na súa primeira participación nunha competición.

O domingo, Alberto Lodeiro e Juan "Purito" Feal participaron na duatlón; Alberto rematou tan pronto que cando o pillamos xa estaba duchado e vestido e facendo fotos; menos mal que tiña o dedo gordo do pé morado como unha berenxena por causa dun golpe. E Juan, non contento con correr seis kilómetros despois de vintecinco de bici, improvisou un par deles máis polos montes de Brión e chegou enteiro e a bo paso.

Un pouco máis tarde, Álex (outra vez), Pablo e Rubén, participaron na BTT. Alex conseguiu entrar nun posto ben digno pese a acompañar ós maiores ata o kilómetro vinte; Rubén chegou sen caer (todo un éxito) e Pablo estragou o buje traseiro da bici na subida ó Monte Rubial. Pero, lonxe de chamar para que o levasen a meta, rematou os 42 quilómetros practicando un deporte de nova creación: o bikepushing; é dicir, correr tirando pola bici nas costas arriba e montar nela costa abaixo. É cousa de poñerlle un par de normas e pronto teremos unha nova sección nas tendas de deportes.

Podedes botar un ollo ó flickr de Alberto Lodeiro, que aproveita o de chegar de primeiro para facer fotos ós demais. Todo un luxo que os mais temos que agradecerlle.


Noraboa á organización e, sobre todo, os beteteiros de Oza que foron alá e non fixeron máis que sufrir, como ben vedes nas fotos.

-------------------
P.D.: O sábado tamén tivemos representación na ruta BTT de Guitiriz, pero inda non conseguimos fotos nin crónica dos participantes. 

domingo, 6 de setembro de 2015

Ruta AD Jarnachas de Arteixo 2015

Hoxe, 6 de setembro, catro dos nosos compañeiros participaron na ruta organizada pola AD Jarnachas de Arteixo.

Alberto Lodeiro foi o primeiro en chegar na ruta corta, aquí podedes acceder á súa crónica; Beni "a ritmo tranquilo" apareceu puntualmente na meta ás 11:33 como prometera (e en terceira posición) para tomar os callos, e Julio González tardou catro minutiños máis en presentarse.

Logo, no mesón Suso no baixo de Oseiro, caeron uns viños e unhas tapas de callos, en compañía de David Lois, o 21, ademais duns percebes cortesía da casa.


Neste álbum tedes máis fotos dos nosos. E aquí, da ruta.

luns, 24 de agosto de 2015

Os biciosos de Oza nas 12 horas BTT de Carballo


O pasado sábado, os nosos compañeiros Julio González Ruzo, Alberto Lodeiro, Alex Trujillo e Javier Lodeiro participaron nas 12 horas BTT de Carballo.

É a primeira vez que a BTT Oza Cesuras participa como equipo nun evento, así que temos que felicitalos pola súa boa clasificación (14º de 32 na súa categoría, 23º na xeral) e polos catro kilos de carne, dúas tortillas, unha empanada, unha mochila de Estrellas e outras bebidas das que deron conta entre volta e volta.

Resumindo, parabéns polo ben que o pasastes e polo ben que o fixestes, compañeiros.

De momento, tedes fotos aquí, pero esperamos as crónicas que algúns deles farán nos seus blogs para compartilas con toda a xente. ;-)
------------------------------------------
A primeira crónica está aquí; é a de Alberto Lodeiro. Moitas gracias!

xoves, 21 de maio de 2015

Equipación BTT Oza Cesuras e saída 31 de maio

O domingo día 31 de maio, os organizadores e voluntarios da 3ª edición da BTT Oza Cesuras imos facer a ruta deste ano e, de paso, estrear polo Monte do Gato a nosa nova equipación. Se queres apuntarte, avísanos enviando un correo. A ruta xa non está sinalizada, así que teriades que facela ó ritmo do grupo (que é máis ben tranquilo). A saída será do Pavillón de Deportes de Oza ás 9:30 da mañá.

Con respecto á equipación, aqueles que esteades interesados en adquirila poñédevos en contacto con nós no enderezo de correo bttozadosrios@gmail.com e dirémosvos o prezo e as condicións para a compra.

Saúdos!

luns, 4 de maio de 2015

No se vayan todavía, aún hay más

Pois iso: que inda hai máis. No sorteo de agasallos proporcionados polos nosos patrocinadores Ciqlo, Cervecería Kloos e Ciclos Quintena, resultaron agraciados os seguintes participantes.

Dorsal 34: Juan María Feal Villarreal, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 56: Santiago Conde Bao, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 57: José Manuel Casas Mosquera, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 120: Pablo Maceiras Carril, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 129: Miguel Arcay Otero, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 159: José Suárez López, vale por 25€ en Ciqlos Quintena.
Dorsal 166: Johnatan Mosquera Millán, vale por 10 € en Ciqlos Quintena. 
Dorsal 197: Armando Carril Casanova, agasallo de Ciqlo.
Dorsal 199: Roberto Helguera Rex, vale por 25 € de Cervecería Kloos.

Como non estaban na meta no momento do sorteo, queremos tratar con eles o método de entrega. Poñédevos, por favor, en contacto con nós no enderezo bttozadosrios@gmail.com ou nunha mensaxe polo noso facebook.


Xa entregamos na meta o premio ó participante máis novo, Dorsal 300, Pablo Rivas, de Orto, que con 14 anos sufriu unha avería mecánica baixando Pena Furada e non puido coñecer o Gato.


E tamén outros sete vales de Cervecería Kloos por 25 €, e un máis de 25 € de Ciclos Quintena.


A nós xa nos fixeron outro agasallo tamén. O amigo Alberto Lodeiro publicou esta primeira crónica da III Edición da Ruta BTT Oza Cesuras. Moitísimas gracias.


Os agraciados que inda non tedes o premio, poñédevos en contacto con nós, por favor.
----------------------------------------------------
Fe de erratas: nos datos dos premios confundimos o que correspondera a José Suárez López, co de Jonathan Mosquera Millán. As nosas desculpas.

domingo, 3 de maio de 2015

Acabouse

Acabouse. Se cadra metimos a pata en moitas cousas pero esperamos que a ruta vos gustase. Sabemos o da moita lama que había porque tamén a pisamos nós sinalizando o monte, pero esperamos que para o ano repitades. A choiva destas semanas pasadas non foi cousa nosa; o sol de hoxe si :-D (pero levamos tarde os ovos a Santa Clara, por iso saiu ás 11). Na vindeira edición tentaremos facelo mellor para os máis duros e algo máis suave para a xente que quere disfrutar dun día de bici no monte sen ter que botar o corazón fóra.

Agradecemos moitísimo o apoio ós patrocinadores todos e, moi especialmente, a todos os voluntarios que botan horas no monte, ou traballando no pabellón para tentar que os que vides a Oza o pasedes o mellor posible. Os Biciosos de Oza e os seus amigos, familiares, fillos e veciños fan posible a BTT Oza Cesuras. Outra vez gracias.

Hoxe houbo que improvisar atallos á vista da dureza do día, ir recoller xente con averías por tanta lama, e traballar moito. Supoñemos que a imaxe de arriba é boa para transmitir o espíritu de todos os que participamos na III BTT Oza Cesuras, voluntarios e ciclistas. Se pinchas e non hai reposto, avanzas co que tes de man.

Non sabedes canto agradecemos que viñerades hoxe a montar pola nosa casa. Para o ano, máis.

Consideracións de última hora


Se fixestes o pago pero non aparecedes na lista de inscritos, non vos preocupedes. A nós tárdanos un par de días en figurar o ingreso. Por se acaso, traédenos o xustificante de pago. E desculpade as molestias.

Pedímosvos o mesmo (que nos traiades o xustificante) ós que fixestes o pago a última hora, por se non dá tempo a que aparezades no noso informe de banca electrónica.


Na imaxe superior tedes unhas indicacións IMPORTANTES sobre seguridade. Podedes descargala e levala impresa, gardar o arquivo no móbil, o que queirades. Tamén podedes fotografiala na saída.


Por último: sede prudentes. Non se corta o tráfico, e aínda que hai xente nos cruces máis perigosos, non son axentes, así que respetade as normas de tráfico. Ademais, no monte hai tramos complicados, sobre todo en descenso, pola auga dos últimos días. Ide con ollo.

E. sobre todo, ¡¡disfrutade da ruta!!

venres, 1 de maio de 2015

Penúltimos avisos


Estamos a 48 horas da ruta. Os que fagades o ingreso nestes últimos días, traédenos por favor o xustificante do pagamento ou semellante (podedes amosarnos a transferencia na aplicación de banca móvil) e amañaremos o mesmo domingo a inclusión na listaxe de participantes. Vide con algo de tempo, claro. Os dorsais repartímolos dende as 8:30. A saída é ás 9:30.

Esta noite imos colgar as "consideracións de última hora" con exemplos de sinalización, números da organización, protocolo de emerxencias, etc. Aquí, a localización da saída e meta no Google Maps. Pero os que veñades á BTT Oza Cesuras este domingo, teredes sinalización para chegar dende os accesos máis cercanos (A6, AC840, etc.)

Dende a organización recomendámosvos sen dúbidas facer o traxecto íntegro: cremos que mellora o de anos anteriores. As alternativas curtas (AC) son normalmente por pistas, moito menos divertidas que os camiños do traxecto completo.

Recordade que a ruta é non competitiva e que non haberá cortes de tráfico, aínda que si contaremos con xente nos cruces, pero non son axentes. Sede prudentes, que ademais o monte está moi desfeito da auga do inverno.

E, sobre todo: esperamos que o disfrutedes!!

xoves, 30 de abril de 2015

Crisol Fisioterapeutas, novo colaborador.


A 3ª edición da BTT Oza Cesuras contará cun novo colaborador: Crisol Fisioterapeutas. Un centro  de fisioterapia e podoloxía ubicado no Castiñeiro número 21, na estrada xeral que pasa por Oza dos Ríos.

O vindeiro domingo estarán con nós no Pabellón dende o que se dará a saída e no que finalizará a ruta, prestando os seus servicios a aqueles participantes que o precisen.

sábado, 25 de abril de 2015

Cervecería Kloos, novo patrocinador.


Un novo patrocinador súmase ós que podedes ver na columna da dereita. É a cervecería Kloos, en Oza dos Ríos, lugar das Travesas-Lois nº 11, na estrada xeral, case enfronte do Concello. Un local novo e cómodo, inaugurado a finais de 2014, no que podedes tomar bocadillos, racións e tapas, acompañados de cervexa de bodega a prezos máis que razonables.

Entran pola porta grande nisto de colaborar coa BTT Oza Cesuras, proporcionando á organización 8 vales de 25€ cada un. Parécenos que con esa cantidade podedes comer ou cear alí e, de paso, convidar a outra persoa. Animádevos a participar. Sortearémolos entre todos os ciclistas que acudan o 3 de maio á nosa ruta.

mércores, 22 de abril de 2015

Menú na Parrillada Terranova

Como en ocasións anteriores, a Parrillada Terranova (ubicación en Google Maps e datos de contacto picando no nome) ofrece ós participantes na III BTT Oza Cesuras un menú especial a prezo moi competitivo. O número para facer reservas é o 981792453.



luns, 20 de abril de 2015

Maldita Buena Suerte, novo patrocinador.


A III Edición da BTT Oza Cesuras ten un novo patrocinador: Maldita Buena Suerte (pica aí!).

Maldita Buena Suerte é unha empresa de deseño e venta de camisetas, sudadeiras, maillots e outras prendas moi chulas relacionadas co mundo da bici (ademais doutros obxectos como cuncas ou packs de pegatinas). Nesa páxina que enlazamos arriba podedes ver os seus deseños e acceder directamente á tenda online, na que atoparedes produtos de deseño exclusivo e excelente calidade para tódalas idades e a precios moi bos.

E, por se queredes seguilos no facebook, picade aquí.

Gracias, Maldita Buena Suerte, por apoiar a BTT Oza Cesuras.

xoves, 2 de abril de 2015

Inscricións abertas



O prazo para a inscrición na III BTT Oza Cesuras, que se celebrará o 3 de maio de 2015, xa está aberto.

O custo da participación é de 10€. A hora de saída será as 9.30, dende o Pavillón de Deportes de Oza dos Ríos como é habitual, e a recollida de dorsal pode facerse a partir das 8.30. Podedes consultar aquí o regulamento completo.

O pago da inscripción debe facerse efectivo na conta do Banco Santander ES85 0049 6637 7222 9001 9613

Podedes facer a preinscrición dende esta ligazón ou enviando un correo electrónico a bttozadosrios@gmail.com. De todas formas, só estaredes realmente inscritos unha vez feito o pagamento na devandita conta.

Nos casos de inscrición de múltiples participantes nun único pagamento, por favor facédenos chegar nun correo electrónico a hora, data e importe da transferencia ou ingreso, e os nomes de todos os participantes dos que se fai a inscrición no citado abono.

Este ano haberá lixeiras variacións con respecto ó traxecto de anos anteriores. Teremos unha ruta longa de arredor 42 kilómetros polo Monte do Gato e Sendeiros do Mandeo na que sinalizaremos atallos para que se poda facer unha alternativa de arredor de 25.

Como en anteriores edicións, esta ruta cicloturista non é federada nin competitiva.

¡Esperámosvos!

venres, 30 de xaneiro de 2015

3ª edición da Ruta BTT Oza Cesuras. 3 de maio de 2015.




Estamos preparando a III Ruta BTT Oza Cesuras, coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras e de algúns patrocinadores que iremos confirmando en vindeiras datas. E, por suposto, contaremos co apoio dos voluntarios que fixeron posible o éxito da primeira e segunda edición. A data de celebración será o 3 de maio de 2015, con saída e chegada no Pavillón de Deportes de Oza dos Ríos.

Nesta terceira edición, aparte dalgunha sorpresa por concretar, haberá variacións nos percorridos: por suposto teremos unha ruta longa, de 45 kilómetros aproximadamente, polos Sendeiros do Mandeo e polo Monte do Gato e con algunha modificación respecto ás edicións anteriores. E na propia ruta haberá atallos sinalizados de menor esixencia técnica e física, que permitirán facer unha ruta de arredor de 23 kms. Teredes información dos percorridos posibles en canto estean deseñados.

A inscrición poderá formalizarse no mesmo enderezo de correo e número de conta que en pasadas edicións, cun importe aínda por confirmar. O prazo para formalizala anunciarémolo en vindeiras datas.

A ruta non terá carácter competitivo.

Anotade na axenda: BTT Oza Cesuras, 3 de maio de 2015.

¡Esperamos a vosa asistencia!