venres, 1 de maio de 2015

Penúltimos avisos


Estamos a 48 horas da ruta. Os que fagades o ingreso nestes últimos días, traédenos por favor o xustificante do pagamento ou semellante (podedes amosarnos a transferencia na aplicación de banca móvil) e amañaremos o mesmo domingo a inclusión na listaxe de participantes. Vide con algo de tempo, claro. Os dorsais repartímolos dende as 8:30. A saída é ás 9:30.

Esta noite imos colgar as "consideracións de última hora" con exemplos de sinalización, números da organización, protocolo de emerxencias, etc. Aquí, a localización da saída e meta no Google Maps. Pero os que veñades á BTT Oza Cesuras este domingo, teredes sinalización para chegar dende os accesos máis cercanos (A6, AC840, etc.)

Dende a organización recomendámosvos sen dúbidas facer o traxecto íntegro: cremos que mellora o de anos anteriores. As alternativas curtas (AC) son normalmente por pistas, moito menos divertidas que os camiños do traxecto completo.

Recordade que a ruta é non competitiva e que non haberá cortes de tráfico, aínda que si contaremos con xente nos cruces, pero non son axentes. Sede prudentes, que ademais o monte está moi desfeito da auga do inverno.

E, sobre todo: esperamos que o disfrutedes!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Fainos a túa consulta ou comentario. Tentaremos contestala o máis axiña posible.