luns, 14 de setembro de 2015

Ruta BTT Río Tambre Brión


Onte e antonte, varios dos compoñentes da BTT Oza Cesuras foron ata Brión para participar nos tres eventos organizados pola asociación O Esquío no Piñeiro.

O sábado, Alex Trujillo representounos na crono rematando en undécima posición na súa primeira participación nunha competición.

O domingo, Alberto Lodeiro e Juan "Purito" Feal participaron na duatlón; Alberto rematou tan pronto que cando o pillamos xa estaba duchado e vestido e facendo fotos; menos mal que tiña o dedo gordo do pé morado como unha berenxena por causa dun golpe. E Juan, non contento con correr seis kilómetros despois de vintecinco de bici, improvisou un par deles máis polos montes de Brión e chegou enteiro e a bo paso.

Un pouco máis tarde, Álex (outra vez), Pablo e Rubén, participaron na BTT. Alex conseguiu entrar nun posto ben digno pese a acompañar ós maiores ata o kilómetro vinte; Rubén chegou sen caer (todo un éxito) e Pablo estragou o buje traseiro da bici na subida ó Monte Rubial. Pero, lonxe de chamar para que o levasen a meta, rematou os 42 quilómetros practicando un deporte de nova creación: o bikepushing; é dicir, correr tirando pola bici nas costas arriba e montar nela costa abaixo. É cousa de poñerlle un par de normas e pronto teremos unha nova sección nas tendas de deportes.

Podedes botar un ollo ó flickr de Alberto Lodeiro, que aproveita o de chegar de primeiro para facer fotos ós demais. Todo un luxo que os mais temos que agradecerlle.


Noraboa á organización e, sobre todo, os beteteiros de Oza que foron alá e non fixeron máis que sufrir, como ben vedes nas fotos.

-------------------
P.D.: O sábado tamén tivemos representación na ruta BTT de Guitiriz, pero inda non conseguimos fotos nin crónica dos participantes. 

domingo, 6 de setembro de 2015

Ruta AD Jarnachas de Arteixo 2015

Hoxe, 6 de setembro, catro dos nosos compañeiros participaron na ruta organizada pola AD Jarnachas de Arteixo.

Alberto Lodeiro foi o primeiro en chegar na ruta corta, aquí podedes acceder á súa crónica; Beni "a ritmo tranquilo" apareceu puntualmente na meta ás 11:33 como prometera (e en terceira posición) para tomar os callos, e Julio González tardou catro minutiños máis en presentarse.

Logo, no mesón Suso no baixo de Oseiro, caeron uns viños e unhas tapas de callos, en compañía de David Lois, o 21, ademais duns percebes cortesía da casa.


Neste álbum tedes máis fotos dos nosos. E aquí, da ruta.